novasb

regulamentob

contactab

galeria_fotos


Fase Clasificatoria

4 e 5 de marzo de 2017 : ESO

10 e 11 de marzo de 2017 : Bacharelato

Aberto o prazo de inscrición para a oitava edición do Parlamento Xove, un programa de debate no que participarán 48 equipos formados por alumnos de secundaria e bacharelato

  • Os equipos inscritos investigarán, escribirán e debaterán sobre un tema formulado pola organización en dúas fases: unha primeira clasificatoria da que xurdirán oito equipos gañadores, e unha segunda fase final

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, vén de abrir o prazo de inscrición para a oitava edición do Parlamento Xove, un programa de debate que ten por obxecto fomentar entre a mocidade o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias. Esta iniciativa está estruturada en dúas categorías diferenciadas por idades e tramo educativo: unha para alumnado de 3º e 4º de Secundaria e outra para o de 1º e 2º de Bacharelato de centros de ensino galegos. En total poderán participar 48 equipos (24 por cada categoría). Os equipos estarán formados por catro alumnos e un profesor, que será o coordinador. O prazo de inscrición rematará o vindeiro 30 de xaneiro ou cando se esgoten as prazas que serán concedidas por rigorosa orde de inscrición.

O Parlamento Xove é unha competición na que os diversos equipos inscritos investigarán, escribirán e debaterán sobre un tema formulado pola organización. O programa realizarase en dúas fases, unha primeira clasificatoria da que xurdirán oito equipos gañadores, que se enfrontarán nunha segunda fase final. Paralelamente, os equipos deberán entregar un dossier de investigación, que contará cun premio especial ao mellor documento. Con carácter previo ao inicio da fase clasificatoria desenvolveranse unha xornadas de formación. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, ‘a favor’ ou ‘en contra’, en relación á cuestión formulada.

Parlamento Xove nace dun modelo participativo que permite aos mozos e mozas desenvolver a capacidade de levar a cabo diálogos respectuosos e produtivos e permítelles medrar no emprego de ferramentas democráticas. Os mozos realizan debates de carácter argumentativo que permiten a discusión sobre o tema proposto no que gañarán non os equipos que necesariamente teñan a razón, senón os que mellor sustenten as súas ideas.

Durante o transcurso destes debates dialécticos, os mozos desenvolven valores como da capacidade de selección de información, a expresión escrita e oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia. O Parlamento Xove fomenta tamén a toma de conciencia no comportamento democrático e o respecto polas ideas dos demais.

Parlamento Xove, como actividade na que participa alumnado e profesorado de centros educativos, contribúe ao desenvolvemento de practicamente todas as competencias básicas como a competencia lingüística, nos seus catro ámbitos (expresión oral e escrita; e compresión oral e escrita); a competencia matemática, xa que en todos os debates manexan datos e porcentaxes que avalan a súa argumentación; tratamento da información e competencia dixital; a competencia social e cidadá que contribúe á convivencia dado que o traballo realízase en equipo; a competencia cultural e artística dado que nos debates se esixe o emprego de figuras estilísticas e capacidade de retórica; e a competencia para aprender e iniciativa persoal.